Cabeza e dorso pardo escuro salpicado de branco. Partes inferiores clara estriadas de escuro e ollos amarelos claros son algunhas das características que definen ó noso moucho común.
A súa lonxitude vai dende os 21 até os 27 cm. e a súa envergadura dende os 57 ós 61cm. O peso oscila entre os 125 e os 200 g.
O seu hábitat caracterízase pola súa gran diversidade de terreos, pero evita o monte denso e o interior das cidades. É moi frecuente en zonas de cultivo con algún arborado. É sedentario, aínda que ás vegadas os xóvenes dispérsanse grandes distancias.
O moucho común caza á espreita, deixándose caer sobre a súa presa dende un pousadoiro. Tamén caza insectos en voo.
Cría en buracos de árbores, de muros e de edificios, ocasionalmente en madrigueiras de coellos e tamén no chan. As postas teñen lugar dende primeiros de abril até finais de maio, e van de 2 a 7 ovos, normalmente catro-cinco, de 35 por 29 milímetros e de cor branco.
A incubación, de 28 días, é levada a cabo pola femia. Os polos ó nacer están cubertos dun plumón branco e voan ós 26-28 días de idade.
Atópase distribuído por toda a península, accidental en Baleares e Canarias.
Este exemplar de moucho común foi retratado nunha solta á cal tiven a oportunidade de asistir.
