lunes, 10 de octubre de 2016

GAMO (Dama dama)

O gamo común, ou europeo, é un dos cérvidos que habitan a península ibérica, decantándose no territorio polos bosques que conteñen claros, xa que é nos pastos onde atopa o seu alimento, o cal compaxina con follas e cortizas das árbores ás cales teñen alcance.


O gamo diversifícase principalmente do cervo común no seu menor tamaño, e do resto dos cérvidos en que non forma mandas, senón que forma un grupo familiar de menos de 10 integrantes regularmente formado por femias e subadultos, reuníndose cos machos na época de celo.

O celo abrangue os meses de outono e dá lugar ós enfrontamentos entre os machos co fin de aparearse coa femia. Despois do período de xestación, as femias dan a luz a unha soa cría de forma xeral, nos meses de xuño e xullo.

A pelaxe varía do verán ó inverno, collendo nesta segunda estación unha cor cincenta. Son características na pelaxe as pintas brancas salteadas nun fondo pardo-avermellado, aínda que tamén existen exemplares albinos como os da fotografía que vos amoso.


Esta especie presenta un dimorfismo sexual moi forte, podendo alcanzar as femias un máximo de 40 kilos de peso, e os machos poden superalas até 20 kilos. Só os machos posúen hastas, que mudan na primavera, e están formadas por tres candís e unha ampla palma.

Na península ibérica o gamo é unha especie cinexética, polo cal podemos atopar a esta especie en semiliberdade nos cotos de caza. Grazas a ser declarada especie cinexética, esta especie ten garante a súa subsistencia nos nosos montes debido ás repoboacións que se levan a cabo.

Na produtiva viaxe a Navarra, onde tamén retratamos miña irmá e eu ós xabarís e ós corzos, a natureza obsequiounos con estes gamos.

lunes, 3 de octubre de 2016

XABARIL (Sus scrofa)

Xa sei que non é a primeira vez que nomeo ó xabaril, pero a súa importancia nos nosos montes non é para menos. 


Xa falei deles en dous artigos anteriores (dos cales vos deixo os enlaces ó remate da entrada), pero neste artigo quero centrar a ollada nos raións ou leitóns, as pequenas crías de xabaril que saen do ventre materno despois de 4 ou 5 meses de xestación, e que tanto un nome coma o outro nos aportan unha valiosa información. Un deles de carácter clasificatorio, dicíndonos a clase á que pertencen (Mammalia), xa que son mamíferos e maman da nai durante os primeiros 3 meses e de onde provén o nome de leitóns. Analogamente tamén reciben o nome de raións, o cal nos axuda a identificalos, debido ás características raias lonxitudinais que posúen ó longo do corpo nos seus primeiros meses de vida nos cales non deixan de xogar uns cos outros (como se pode observar na primeira imaxe) e non se separan da nai (na segunda imaxe).


As fotografías foron tomadas pola miña irmá Antía e por min nas terras de Navarra. Para máis información invítovos a ler dúas das miñas antigas entradas neste blog,  ás cales se poden acceder mediante os seguintes enlaces:

-Neste primeiro podedes consultar aspectos técnicos sobre o xabaril.


-Nestoutro podedes observar algunhas das pegadas que puiden retratar deste suído na natureza: