O gamo común, ou europeo, é un dos cérvidos que habitan a
península ibérica, decantándose no territorio polos bosques que conteñen
claros, xa que é nos pastos onde atopa o seu alimento, o cal compaxina con
follas e cortizas das árbores ás cales teñen alcance.
O gamo diversifícase principalmente do cervo común no seu
menor tamaño, e do resto dos cérvidos en que non forma mandas, senón que forma
un grupo familiar de menos de 10 integrantes regularmente formado por femias e
subadultos, reuníndose cos machos na época de celo.
O celo abrangue os meses de outono e dá lugar ós
enfrontamentos entre os machos co fin de aparearse coa femia. Despois do
período de xestación, as femias dan a luz a unha soa cría de forma xeral, nos
meses de xuño e xullo.
A pelaxe varía do verán ó inverno, collendo nesta segunda estación unha cor cincenta. Son características na pelaxe as pintas brancas salteadas nun fondo pardo-avermellado, aínda que tamén existen exemplares albinos como os da fotografía que vos amoso.
Esta especie presenta un dimorfismo sexual moi forte,
podendo alcanzar as femias un máximo de 40 kilos de peso, e os machos poden
superalas até 20 kilos. Só os machos posúen hastas, que mudan na primavera, e
están formadas por tres candís e unha ampla palma.
Na península ibérica o gamo é unha especie cinexética,
polo cal podemos atopar a esta especie en semiliberdade nos cotos de caza.
Grazas a ser declarada especie cinexética, esta especie ten garante a súa
subsistencia nos nosos montes debido ás repoboacións que se levan a cabo.
Na produtiva viaxe a Navarra, onde tamén retratamos miña
irmá e eu ós xabarís e ós corzos, a natureza obsequiounos con estes gamos.






