domingo, 5 de marzo de 2017

MIÑATO COMÚN (Buteo buteo)

O miñato común (Buteo buteo), en castelán “ratonero común”, é unha ave de rapiña moi común en Galicia e tamén no territorio peninsular. Xa que moitos coñeceredes ó miñato común, vou a intentar ampliar o rango de coñecemento e polo tanto, entrar máis en detalle con esta ave.
Algunhas das características que nos permiten identificalo ó voo son o seu pescozo curto, ás anchas e cola redondeada con moitas bandas finas e unha subterminal ancha. O voo batido é relativamente lento e o voo de remonte soe describir círculos nos cales de vez en cando dan unha batida que lles fai ascender. En perfil frontal aprécianse as ás en uve moi aberta. Son características as manchas claras na cara inferior das ás.
Este macho de miñato común foi fotografado por min nunha das miñas saídas ó monte de Brión. Despois dunha mañá de camiñata na búsqueda do miñato, xa case sen esperanza de volta á casa, sorprendeume este exemplar. Pousado nun hórreo que facía de atalaia tiña controlados os campos nos cales podía atopar o xantar do día.
Se temos a sorte de poder velo pousado nunha árbore ou nalgún poste e que este nos deixe achegarnos e velo con detalle, poderemos ver que as partes superiores son de cor pardo escuro, normalmente con estrías claras na cabeza mentres que as partes inferiores presentan unha gran viabilidade, dende moi escuro a moi claro. O peito soe ser branco con numerosas estrías de cor pardo escuro con barras transversais finas e claras. As rémixes primarias pardas coa punta negra e a base clara, que  forma unha mancha branca na cara inferior das ás; as secundarias, pardas borreadas de branco e pardo. A cola é curta, ancha e de extremo redondeado, con numerosas bandas transversais escuras, finas e unha subterminal máis ancha. Cera e patas amarelas; ollo de pardo a pardo amarelento; pico escuro coa base clara.

Os exemplares xóvenes son semellantes ós adultos, pero adoitan ter a cabeza máis clara, dorso e cobertores goteadas de claro e as partes inferiores máis claras con estrías escuras.  Na cola carecen  de banda subterminal ancha. Teñen os ollos grises, cera verdosa e patas amarelas.
A súa lonxitude oscila entre os 51 e os 57 cm., a súa envergadura vai dende os 113 e os 128 cm. e o peso entre os 520 e os 1350 g.

Entre os seus hábitats predominan os montes con claros, as devesas e os soutos fluviais. No inverno decántase máis por espazos abertos que teñan algunha árbore onde pousarse. Na Península Ibérica é sedentario, ó contrario que no resto de Europa.

A súa técnica de caza por excelencia é o asexo dende unha pola no borde dun bosque, dunha árbore desolada, dende un poste ou dende un hórreo como é o caso desta fotografía que vos adxunto.


Bibliografía empregada:
"Guía de las rapaces ibéricas", Cosme Morillo, Madrid 1984, Editor: Instituto Nacional para la Conservación de la Naturaleza (ICONA).