jueves, 26 de julio de 2018

PETO REAL (Picus viridis)


O peto real ou peto verdeal (Picus viridis) é un ave da familia Picidae moi común na contorna galega cuxa identificación é case inconfundible debido ás fermosas cores que o empluman.



Son aves que poden achegarse ós 32 cm xunto cunha envergadura que anda preto dos 40 cm. A súa cor verdosa dominante dende a rabadilla até a noca remata nun píleo encarnado moi chamativo. O macho tamén presenta uns bigotes encarnados baixo o pico que os diferencian da femia cuxo bigote é negro. Ambos sexos posúen un ton negruzco arredor dos ollos. Pola cara ventral o verde aclaréase até o verde esbrancuxado. Ó voo podemos apreciar tamén un obispillo verde amarelento. Destacar tamén as súas fortes ás rectrices, que grazas ó endurecemento que sufriu o raquis das plumas apórtalles un mellor apoio á hora de pousarse nos pinos. Para esta función tamén modificaron as súas extremidades posteriores posto que retrasaron un dos dedos para axuntalos coa chave e poder acadar unha mellor fixación ás árbores nas cales atopan o seu alimento baixo o ritidoma.

Detalle das plumas rectrices.

Observación da modificación dactilar.

O período de cría establécese de abril a agosto. Poñendo de 5 a 8 ovos brancos e sacando xeralmente un só polo adiante.

Furados un castiñeiro da Serra do Courel.

A súa vida desenrólase no campo e en bosques ben iluminados, chegando tamén a zonas suburbanas. Son característicos os furadiños que esta ave fai na madeira, aínda que esta especie non é das máis traballadoras nas árbores, xa que pasa a maior parte do tempo no chan onde se alimenta de formigas, fai furados e levanta pedras e musgos. Uns reclamos moi similares a unhas gargalladas nun ton bastante agudo son comúns en todo territorio no cal esta especie sexa residente. Tamén o petar na madeira se deixa soar nos vales cando o peto real anda na busca do xantar.


As fotografías que aquí se mostran foron sacadas por min nunha das miñas saídas ó campo, na cal tiven o pracer de poder observar este macho de peto real pousado nun pino. As imaxes de petos disecados foron sacadas tamén por min no laboratorio de prácticas de zooloxía. Os furados fotografiados localízanse na Serra do Courel en castiñeiros.