A aguia cobreira
(Circaetus gallicus), aguia alhela ou
“águila culebrera” en castelán, é unha das aves de rapiña máis interesantes e
pouco coñecidas da península ibérica. Por este motivo, aproveito as fotografías
que lle puiden facer na miña viaxe á Serra de Gredos para facer difusión do seu
nome e pequenos aspectos da súa bioloxía.
É unha ave da
orde Falconiforme e da familia Accipitridae cun tamaño relativamente grande, de
cor escura polo dorso e cores claras pola cara ventral. As súas poderosas ás
son longas e anchas e coas plumas caudais relativamente longas. Ao voo pódense
ver as plumas secundarias barradas e a cola con varias bandas, sendo a terminal
a máis grosa. O exemplar adulto ten o dorso de cor pardo grisáceo coa cabeza e
os ollos moi grandes. Os ollos son de cor amarela alaranxada, que destacan na
súa cabeza de cor parda e con unha cera azulada. As patas longas, de gris
esbrancuxado a azul pálido, teñen uns dedos curtos e revestidos de grosas
escamas que os protexen das picaduras dos ofidios.
A súa lonxitude
aproximada oscila entre os 62 e os 67 centímetros. A súa envergadura vai dende
os 185 até os 195 centímetros e o seu peso anda entre os 1200 gramos e 2300
gramos.
O seu hábitat
sitúase en serras, zonas chas arboradas, marismas e ás veces dunas costeiras
debido á abundante cantidade de alimento. É unha especie migratoria, xa que
reside na península só de marzo até outubro.
A súa
alimentación, como ben di o seu propio nome, é case exclusivamente a base de réptiles,
sendo principalmente os ofidios. De todos xeitos, non é inmune á picadura das
víboras, co cal rara é a vez que esta vai a tentar cazalas. Cando atrapa a
presa, mátaa co seu forte pico rompéndolle a cabeza, e despois trágaa comezando
pola mesma.
A súa
distribución esténdese por toda a Península Ibérica, exceptuando parte do
recuncho noroeste. Non é rara en toda a península, aínda que a súa densidade
varía segundo as diferentes comarcas. A
poboación española segundo a SEO atópase arredor das 2000-3000 parellas reprodutoras.
Unha das principais ameazas da especie é a redución das poboacións de réptiles
en zonas agrícolas.
Este exemplar,
como ben dixen antes, foi retratado por min na miña viaxe á Serra de Gredos, en
concreto no camiño a pé que vai dende a Plataforma de Gredos ata o marabilloso
Circo de Gredos, ó pé do Pico Almanzor. Recuncho en plena natureza que se atopa
cheo de riqueza biolóxica. Na mesma viaxe puiden observar un macho montés do
cal xa vos falarei posiblemente nas próximas entradas!
Bibliografía
empregada:
"Guía de las rapaces
ibéricas", Cosme Morillo, Madrid 1984, Editor: Instituto
Nacional para la Conservación de la Naturaleza (ICONA).