miércoles, 9 de octubre de 2019

AGUIA COBREIRA (Circaetus gallicus)


A aguia cobreira (Circaetus gallicus), aguia alhela ou “águila culebrera” en castelán, é unha das aves de rapiña máis interesantes e pouco coñecidas da península ibérica. Por este motivo, aproveito as fotografías que lle puiden facer na miña viaxe á Serra de Gredos para facer difusión do seu nome e pequenos aspectos da súa bioloxía.



É unha ave da orde Falconiforme e da familia Accipitridae cun tamaño relativamente grande, de cor escura polo dorso e cores claras pola cara ventral. As súas poderosas ás son longas e anchas e coas plumas caudais relativamente longas. Ao voo pódense ver as plumas secundarias barradas e a cola con varias bandas, sendo a terminal a máis grosa. O exemplar adulto ten o dorso de cor pardo grisáceo coa cabeza e os ollos moi grandes. Os ollos son de cor amarela alaranxada, que destacan na súa cabeza de cor parda e con unha cera azulada. As patas longas, de gris esbrancuxado a azul pálido, teñen uns dedos curtos e revestidos de grosas escamas que os protexen das picaduras dos ofidios.

A súa lonxitude aproximada oscila entre os 62 e os 67 centímetros. A súa envergadura vai dende os 185 até os 195 centímetros e o seu peso anda entre os 1200 gramos e 2300 gramos.

O seu hábitat sitúase en serras, zonas chas arboradas, marismas e ás veces dunas costeiras debido á abundante cantidade de alimento. É unha especie migratoria, xa que reside na península só de marzo até outubro.

A súa alimentación, como ben di o seu propio nome, é case exclusivamente a base de réptiles, sendo principalmente os ofidios. De todos xeitos, non é inmune á picadura das víboras, co cal rara é a vez que esta vai a tentar cazalas. Cando atrapa a presa, mátaa co seu forte pico rompéndolle a cabeza, e despois trágaa comezando pola mesma.

A súa distribución esténdese por toda a Península Ibérica, exceptuando parte do recuncho noroeste. Non é rara en toda a península, aínda que a súa densidade varía segundo as diferentes comarcas.  A poboación española segundo a SEO atópase arredor das 2000-3000 parellas reprodutoras. Unha das principais ameazas da especie é a redución das poboacións de réptiles en zonas agrícolas.



Este exemplar, como ben dixen antes, foi retratado por min na miña viaxe á Serra de Gredos, en concreto no camiño a pé que vai dende a Plataforma de Gredos ata o marabilloso Circo de Gredos, ó pé do Pico Almanzor. Recuncho en plena natureza que se atopa cheo de riqueza biolóxica. Na mesma viaxe puiden observar un macho montés do cal xa vos falarei posiblemente nas próximas entradas!

Bibliografía empregada:

"Guía de las rapaces ibéricas", Cosme Morillo, Madrid 1984, Editor: Instituto Nacional para la Conservación de la Naturaleza (ICONA).


No hay comentarios:

Publicar un comentario