jueves, 12 de enero de 2012

O lobo ibérico

NOME COMÚN:       Lobo Ibérico       
NOME CIENTÍFICO: Canis lupus subsp. signatus
CLASE:                   Mamíferos
FAMILIA:                  Canidae


DESCRICIÓN:
Ten un tamaño semellante a un can pastor alemán, aínda que lixeiramente menor. De longo miden entre 1,30 e 1.80 m os machos e entre 1,30 e 1,60 m as femias. De altura poden acadar os 70 cm. Diferénciase dun can pola súa cabeza grande e arrondada, maseteres moi desenvolvidos, dentes caninos que sobresaen 5cm da enxiva, ollos oblicuos de cor dourada ou ámbar, unhas orellas máis curtas e un pescozo máis robusto. Son características desta especie as manchas brancas das meixelas, chamadas "bigoteiras", a liña escura das patas anteriores que ás veces chega ata o peito, ademais dunha pelaxe longa e escura na cola, no pescozo e no lombo.

ALIMENTACIÓN:
Carnívoro. Na península Ibérica a dieta do lobo é moi diversa e varía nas diferentes rexións, aínda que existe un denominador común: depende claramente do gando doméstico e dos ungulados silvestres, especialmente do corzo e do xabaril. Na metade occidental de Galicia, unha zona cunha alta densidade de poboación, rexistrouse que o lobo acode moito a restos de galiñeiros e de granxas de porcos, así como a gando en xeral. Para atopar suficientes presas, os lobos xóvenes teñen que abandoar  a camada e conquistar novos territorios. Os lobos inxiren de 2 a 5 kilos de carne ó día, aínda que varía dependendo do lobo, pero pasan xornadas completas en completo xaxún.

PESO:
De 30 a 50 kg os machos e de 20 a 35 kg as femias.

LONXEVIDADE:
15 anos como máximo.

REPRODUCIÓN:
Reprodución sexual. Nos grupos estables, normalmente só copula a parella dominante, polo que só se produce unha camada por manada. Na Península Ibérica, o período de celo ten lugar entre finais de xaneiro e principios  de abril, e tras 73 días de xestación prodúcense os partos, os cales teñen unha media de 5 a 8 crías (lobetos).

HÁBITAT:
Aínda que é unha especie xeralista, o seu hábitat óptimo debe presentar unha densa cobertura vexetal (por exemplo breixeira alta) e escasa densidade de poboación humana, ademais de densas poboacións das súas presas potenciais preferidas (xabaril, corzo) e a presenza de gando doméstico. Ó contrario do que sucede noutros lugares de España, en Galicia vive en medios cunha alta densidade de poboación humana.

DISTRIBUCIÓN:
Distribúese de forma continua pola maior parte de Galicia, a porción meridional de Asturias e Cantabria, a metade setentrional de Castela e León e algunhas zonas da Rioxa e do País Vasco. En Portugal hai lobos no extremo nororiental do país, sobre todo xunto á fronteira española. En Galicia viven na actualidade a quinta parte dos lobos ibéricos. A distribución da especie na maior parte do noso territorio autonómico é continua, non detectándose fenómenos de fragmentación. A poboación galega de lobo ibérico está conectada co resto da poboación ibérica (Zamora, León, Asturias e norte de Portugal).

INTERESE HUMANO:
Trátase dunha das especies máis emblemáticas da cultura galega; non só deu orixe a numerosas lendas, senón que a súa constante presenza decidiu o nome de moitas localidades: Lobios, Serra da Loba, Lobeiro ou Lobelos son algúns exemplos de topónimos "lobeiros" cuxa orixe se remonta en moitos casos á época medieval. Ademais, o lobo constitúe un importante baluarte no equilibro dos ecosistemas naturais, ao ser unha especie situada no alto da cadea trófica.

ESTADO DE CONSERVACIÓN:
Especie vulnerable.
                                  

No hay comentarios:

Publicar un comentario