miércoles, 8 de agosto de 2018

PEGA MARZA (Garrulus glandarius)


A pega marza ou “arrendajo” en castelán (Garrulus glandarius) é un ave da orde dos paseriformes pertencente á familia Corvidae. Se saímos do entorno puramente urbano e nos situamos no rural, preto dos montes galegos e de boa parte de Europa podemos atopar unha especie eminentemente forestal, a pega marza.


A pesar de ser un córvido, como a pega rabilonga ou o corvo viaraz,  non presenta a ton característica destes, senón que o seu corpo está inmerso nunha densa plumaxe de cor ocre moi vistosa. Pode acadar unha lonxitude á madurez duns 33-35 cm e unha envergadura de ata uns 53-58 cm. Chama a atención a cor das coberteras alares, posto que están provistas dun ton azul eléctrico mesturado con pequenas ringleiras negras. Un groso bigote parte da comisura do peteiro.  Obispillo de cor branco.

Vive fundamentalmente en masas forestais sen decantarse polo tipo de arborado dominante, pero si prefire zonas con presenza de claros e marxes de zonas boscosas. Residente na península todo o ano exceptuando algúns casos de migración de corta distancia no caso de deficiencia alimenticia na época desfavorable. Unha alimentación baseada en insectos, animais de pequeno tamaño, sementes e froitos. Importante papel ecolóxico que teñen estas aves, especialmente polo soterramento de landras  e outros  froitos no outono, para alimentarse no inverno e na primavera, que a veces se lle esquece o lugar onde foron agochadas e axudan así a especies do xénero Quercus a expandirse no territorio de xeito natural. Un reclamo ronco e áspero que semella un “kraaac” en situacións de alarma. Gran imitador de diferentes sons que nos levan a dubidar sobre a presenza doutros animais, dos que cabe destacar a imitación do miñato común, do cal falei con anterioridade noutra entrada. O período de cría vai de marzo a agosto, poñendo de 4 a 6 ovos de cor verdosa olivácea con manchas castaño escuro. Polos altriciais.


Debido á súa dependencia do medio forestal, supoñen unha ameaza para a especie a deforestación e os incendios forestais. 

Este exemplar de Garrulus glandarius foi fotografado nas marxes dunha masa forestal  mixta de Pinus pinaster, Quercus robur e Castanea sativa mentres perfeccionaba o peinado das plumas.

A continuación deixo o enlace da entrada do Miñato común por se queredes saber máis acerca del:
https://falcon-arieira-falcon.blogspot.com/2017/03/minato-comun-buteo-buteo.html

jueves, 26 de julio de 2018

PETO REAL (Picus viridis)


O peto real ou peto verdeal (Picus viridis) é un ave da familia Picidae moi común na contorna galega cuxa identificación é case inconfundible debido ás fermosas cores que o empluman.



Son aves que poden achegarse ós 32 cm xunto cunha envergadura que anda preto dos 40 cm. A súa cor verdosa dominante dende a rabadilla até a noca remata nun píleo encarnado moi chamativo. O macho tamén presenta uns bigotes encarnados baixo o pico que os diferencian da femia cuxo bigote é negro. Ambos sexos posúen un ton negruzco arredor dos ollos. Pola cara ventral o verde aclaréase até o verde esbrancuxado. Ó voo podemos apreciar tamén un obispillo verde amarelento. Destacar tamén as súas fortes ás rectrices, que grazas ó endurecemento que sufriu o raquis das plumas apórtalles un mellor apoio á hora de pousarse nos pinos. Para esta función tamén modificaron as súas extremidades posteriores posto que retrasaron un dos dedos para axuntalos coa chave e poder acadar unha mellor fixación ás árbores nas cales atopan o seu alimento baixo o ritidoma.

Detalle das plumas rectrices.

Observación da modificación dactilar.

O período de cría establécese de abril a agosto. Poñendo de 5 a 8 ovos brancos e sacando xeralmente un só polo adiante.

Furados un castiñeiro da Serra do Courel.

A súa vida desenrólase no campo e en bosques ben iluminados, chegando tamén a zonas suburbanas. Son característicos os furadiños que esta ave fai na madeira, aínda que esta especie non é das máis traballadoras nas árbores, xa que pasa a maior parte do tempo no chan onde se alimenta de formigas, fai furados e levanta pedras e musgos. Uns reclamos moi similares a unhas gargalladas nun ton bastante agudo son comúns en todo territorio no cal esta especie sexa residente. Tamén o petar na madeira se deixa soar nos vales cando o peto real anda na busca do xantar.


As fotografías que aquí se mostran foron sacadas por min nunha das miñas saídas ó campo, na cal tiven o pracer de poder observar este macho de peto real pousado nun pino. As imaxes de petos disecados foron sacadas tamén por min no laboratorio de prácticas de zooloxía. Os furados fotografiados localízanse na Serra do Courel en castiñeiros.