miércoles, 8 de agosto de 2018

PEGA MARZA (Garrulus glandarius)


A pega marza ou “arrendajo” en castelán (Garrulus glandarius) é un ave da orde dos paseriformes pertencente á familia Corvidae. Se saímos do entorno puramente urbano e nos situamos no rural, preto dos montes galegos e de boa parte de Europa podemos atopar unha especie eminentemente forestal, a pega marza.


A pesar de ser un córvido, como a pega rabilonga ou o corvo viaraz,  non presenta a ton característica destes, senón que o seu corpo está inmerso nunha densa plumaxe de cor ocre moi vistosa. Pode acadar unha lonxitude á madurez duns 33-35 cm e unha envergadura de ata uns 53-58 cm. Chama a atención a cor das coberteras alares, posto que están provistas dun ton azul eléctrico mesturado con pequenas ringleiras negras. Un groso bigote parte da comisura do peteiro.  Obispillo de cor branco.

Vive fundamentalmente en masas forestais sen decantarse polo tipo de arborado dominante, pero si prefire zonas con presenza de claros e marxes de zonas boscosas. Residente na península todo o ano exceptuando algúns casos de migración de corta distancia no caso de deficiencia alimenticia na época desfavorable. Unha alimentación baseada en insectos, animais de pequeno tamaño, sementes e froitos. Importante papel ecolóxico que teñen estas aves, especialmente polo soterramento de landras  e outros  froitos no outono, para alimentarse no inverno e na primavera, que a veces se lle esquece o lugar onde foron agochadas e axudan así a especies do xénero Quercus a expandirse no territorio de xeito natural. Un reclamo ronco e áspero que semella un “kraaac” en situacións de alarma. Gran imitador de diferentes sons que nos levan a dubidar sobre a presenza doutros animais, dos que cabe destacar a imitación do miñato común, do cal falei con anterioridade noutra entrada. O período de cría vai de marzo a agosto, poñendo de 4 a 6 ovos de cor verdosa olivácea con manchas castaño escuro. Polos altriciais.


Debido á súa dependencia do medio forestal, supoñen unha ameaza para a especie a deforestación e os incendios forestais. 

Este exemplar de Garrulus glandarius foi fotografado nas marxes dunha masa forestal  mixta de Pinus pinaster, Quercus robur e Castanea sativa mentres perfeccionaba o peinado das plumas.

A continuación deixo o enlace da entrada do Miñato común por se queredes saber máis acerca del:
https://falcon-arieira-falcon.blogspot.com/2017/03/minato-comun-buteo-buteo.html

jueves, 26 de julio de 2018

PETO REAL (Picus viridis)


O peto real ou peto verdeal (Picus viridis) é un ave da familia Picidae moi común na contorna galega cuxa identificación é case inconfundible debido ás fermosas cores que o empluman.



Son aves que poden achegarse ós 32 cm xunto cunha envergadura que anda preto dos 40 cm. A súa cor verdosa dominante dende a rabadilla até a noca remata nun píleo encarnado moi chamativo. O macho tamén presenta uns bigotes encarnados baixo o pico que os diferencian da femia cuxo bigote é negro. Ambos sexos posúen un ton negruzco arredor dos ollos. Pola cara ventral o verde aclaréase até o verde esbrancuxado. Ó voo podemos apreciar tamén un obispillo verde amarelento. Destacar tamén as súas fortes ás rectrices, que grazas ó endurecemento que sufriu o raquis das plumas apórtalles un mellor apoio á hora de pousarse nos pinos. Para esta función tamén modificaron as súas extremidades posteriores posto que retrasaron un dos dedos para axuntalos coa chave e poder acadar unha mellor fixación ás árbores nas cales atopan o seu alimento baixo o ritidoma.

Detalle das plumas rectrices.

Observación da modificación dactilar.

O período de cría establécese de abril a agosto. Poñendo de 5 a 8 ovos brancos e sacando xeralmente un só polo adiante.

Furados un castiñeiro da Serra do Courel.

A súa vida desenrólase no campo e en bosques ben iluminados, chegando tamén a zonas suburbanas. Son característicos os furadiños que esta ave fai na madeira, aínda que esta especie non é das máis traballadoras nas árbores, xa que pasa a maior parte do tempo no chan onde se alimenta de formigas, fai furados e levanta pedras e musgos. Uns reclamos moi similares a unhas gargalladas nun ton bastante agudo son comúns en todo territorio no cal esta especie sexa residente. Tamén o petar na madeira se deixa soar nos vales cando o peto real anda na busca do xantar.


As fotografías que aquí se mostran foron sacadas por min nunha das miñas saídas ó campo, na cal tiven o pracer de poder observar este macho de peto real pousado nun pino. As imaxes de petos disecados foron sacadas tamén por min no laboratorio de prácticas de zooloxía. Os furados fotografiados localízanse na Serra do Courel en castiñeiros.



domingo, 5 de marzo de 2017

MIÑATO COMÚN (Buteo buteo)

O miñato común (Buteo buteo), en castelán “ratonero común”, é unha ave de rapiña moi común en Galicia e tamén no territorio peninsular. Xa que moitos coñeceredes ó miñato común, vou a intentar ampliar o rango de coñecemento e polo tanto, entrar máis en detalle con esta ave.
Algunhas das características que nos permiten identificalo ó voo son o seu pescozo curto, ás anchas e cola redondeada con moitas bandas finas e unha subterminal ancha. O voo batido é relativamente lento e o voo de remonte soe describir círculos nos cales de vez en cando dan unha batida que lles fai ascender. En perfil frontal aprécianse as ás en uve moi aberta. Son características as manchas claras na cara inferior das ás.
Este macho de miñato común foi fotografado por min nunha das miñas saídas ó monte de Brión. Despois dunha mañá de camiñata na búsqueda do miñato, xa case sen esperanza de volta á casa, sorprendeume este exemplar. Pousado nun hórreo que facía de atalaia tiña controlados os campos nos cales podía atopar o xantar do día.
Se temos a sorte de poder velo pousado nunha árbore ou nalgún poste e que este nos deixe achegarnos e velo con detalle, poderemos ver que as partes superiores son de cor pardo escuro, normalmente con estrías claras na cabeza mentres que as partes inferiores presentan unha gran viabilidade, dende moi escuro a moi claro. O peito soe ser branco con numerosas estrías de cor pardo escuro con barras transversais finas e claras. As rémixes primarias pardas coa punta negra e a base clara, que  forma unha mancha branca na cara inferior das ás; as secundarias, pardas borreadas de branco e pardo. A cola é curta, ancha e de extremo redondeado, con numerosas bandas transversais escuras, finas e unha subterminal máis ancha. Cera e patas amarelas; ollo de pardo a pardo amarelento; pico escuro coa base clara.

Os exemplares xóvenes son semellantes ós adultos, pero adoitan ter a cabeza máis clara, dorso e cobertores goteadas de claro e as partes inferiores máis claras con estrías escuras.  Na cola carecen  de banda subterminal ancha. Teñen os ollos grises, cera verdosa e patas amarelas.
A súa lonxitude oscila entre os 51 e os 57 cm., a súa envergadura vai dende os 113 e os 128 cm. e o peso entre os 520 e os 1350 g.

Entre os seus hábitats predominan os montes con claros, as devesas e os soutos fluviais. No inverno decántase máis por espazos abertos que teñan algunha árbore onde pousarse. Na Península Ibérica é sedentario, ó contrario que no resto de Europa.

A súa técnica de caza por excelencia é o asexo dende unha pola no borde dun bosque, dunha árbore desolada, dende un poste ou dende un hórreo como é o caso desta fotografía que vos adxunto.


Bibliografía empregada:
"Guía de las rapaces ibéricas", Cosme Morillo, Madrid 1984, Editor: Instituto Nacional para la Conservación de la Naturaleza (ICONA).

lunes, 10 de octubre de 2016

GAMO (Dama dama)

O gamo común, ou europeo, é un dos cérvidos que habitan a península ibérica, decantándose no territorio polos bosques que conteñen claros, xa que é nos pastos onde atopa o seu alimento, o cal compaxina con follas e cortizas das árbores ás cales teñen alcance.


O gamo diversifícase principalmente do cervo común no seu menor tamaño, e do resto dos cérvidos en que non forma mandas, senón que forma un grupo familiar de menos de 10 integrantes regularmente formado por femias e subadultos, reuníndose cos machos na época de celo.

O celo abrangue os meses de outono e dá lugar ós enfrontamentos entre os machos co fin de aparearse coa femia. Despois do período de xestación, as femias dan a luz a unha soa cría de forma xeral, nos meses de xuño e xullo.

A pelaxe varía do verán ó inverno, collendo nesta segunda estación unha cor cincenta. Son características na pelaxe as pintas brancas salteadas nun fondo pardo-avermellado, aínda que tamén existen exemplares albinos como os da fotografía que vos amoso.


Esta especie presenta un dimorfismo sexual moi forte, podendo alcanzar as femias un máximo de 40 kilos de peso, e os machos poden superalas até 20 kilos. Só os machos posúen hastas, que mudan na primavera, e están formadas por tres candís e unha ampla palma.

Na península ibérica o gamo é unha especie cinexética, polo cal podemos atopar a esta especie en semiliberdade nos cotos de caza. Grazas a ser declarada especie cinexética, esta especie ten garante a súa subsistencia nos nosos montes debido ás repoboacións que se levan a cabo.

Na produtiva viaxe a Navarra, onde tamén retratamos miña irmá e eu ós xabarís e ós corzos, a natureza obsequiounos con estes gamos.

lunes, 3 de octubre de 2016

XABARIL (Sus scrofa)

Xa sei que non é a primeira vez que nomeo ó xabaril, pero a súa importancia nos nosos montes non é para menos. 


Xa falei deles en dous artigos anteriores (dos cales vos deixo os enlaces ó remate da entrada), pero neste artigo quero centrar a ollada nos raións ou leitóns, as pequenas crías de xabaril que saen do ventre materno despois de 4 ou 5 meses de xestación, e que tanto un nome coma o outro nos aportan unha valiosa información. Un deles de carácter clasificatorio, dicíndonos a clase á que pertencen (Mammalia), xa que son mamíferos e maman da nai durante os primeiros 3 meses e de onde provén o nome de leitóns. Analogamente tamén reciben o nome de raións, o cal nos axuda a identificalos, debido ás características raias lonxitudinais que posúen ó longo do corpo nos seus primeiros meses de vida nos cales non deixan de xogar uns cos outros (como se pode observar na primeira imaxe) e non se separan da nai (na segunda imaxe).


As fotografías foron tomadas pola miña irmá Antía e por min nas terras de Navarra. Para máis información invítovos a ler dúas das miñas antigas entradas neste blog,  ás cales se poden acceder mediante os seguintes enlaces:

-Neste primeiro podedes consultar aspectos técnicos sobre o xabaril.


-Nestoutro podedes observar algunhas das pegadas que puiden retratar deste suído na natureza:


miércoles, 28 de septiembre de 2016

CORZO (Capreolus capreolus)

O corzo é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia Cervidae. É o cérvido de menor tamaño da península ibérica. Ten un comportamento esquivo e con certos aires misteriosos, que fan que sexa unha peza chamativa para os cazadores desta especie cinexética. De este comportamento deriva o nome que vulgarmente se lle dá como “o trasno do bosque”.


Ten como característica unha forte adaptabilidade a diversos hábitats, podendo sobrevivir tanto en montes cunha vexetación espesa como en campos a ceo aberto. É dos poucos cérvidos que poden vivir de maneira solitaria, aínda que tamén recorren a ser gregarios para reducir o risco de ser sorprendidos por depredadores, sobre todo en inverno. O corzo ten unha altura na cruz duns 75 centímetros como máximo e un peso medio de 25 kilos.  Os machos presentan pequenas cornamentas de tres puntas que mudan cada ano a principios de inverno. 

O pelaxe é pardo-roxizo durante o verán, e grisáceo en inverno. Os sons que emiten son semellantes a pequenos ladridos. Os seus hábitos son crepusculares, evitan o sol de día agochándose na espesura lonxe de lugares habitados.
En canto á súa reprodución cabe destacar que é dos poucos ungulados con implantación diferida. De maneira xeral, o parto sole vir no mes de maio.


O maior problema do corzo en Galicia e en zonas limítrofes é a presenza dunha enfermidade, en concreto da larva de Cephenemyia stumulator, un insecto voador da familia dos tabáns, que nas súas diferentes fases de desenrolo aséntanse na farinxe e nas fosas nasais. Sendo esta enfermidade unha parasitose denominada Miase. Pénsase que a orixe da expansión desta enfermidade se deba á introdución irregular de corzos vivos na península.


Os exemplares mostrados foron fotografiados pola miña irmá Antía na nosa viaxe a Navarra, e correspóndense con dous corzos (o primeiro un exemplar xoven e o segundo unha femia adulta) criados en cautividade.

sábado, 6 de agosto de 2016

MOUCHO COMÚN (Athene noctua)

O moucho común, ou mochuelo en castelán, é unha ave de rapiña nocturna ibérica que tamén é coñecida polos seus hábitos parcialmente diúrnos, sendo bastante frecuente atopala polo día pousada nunha pola ou nalgunha rocha. O seu son é un "quiuu" moito menos afrautado que o moucho das orellas (otus scops), ou autillo en castelán.

Cabeza e dorso pardo escuro salpicado de branco. Partes inferiores clara estriadas de escuro e ollos amarelos claros son algunhas das características que definen ó noso moucho común.

A súa lonxitude vai dende os 21 até os 27 cm. e a súa envergadura dende os 57 ós 61cm. O peso oscila entre os 125 e os 200 g.

O seu hábitat caracterízase pola súa gran diversidade de terreos, pero evita o monte denso e o interior das cidades. É moi frecuente en zonas de cultivo con algún arborado. É sedentario, aínda que ás vegadas os xóvenes dispérsanse grandes distancias.

O moucho común caza á espreita, deixándose caer sobre a súa presa dende un pousadoiro. Tamén caza insectos en voo.

Cría en buracos de árbores, de muros e de edificios, ocasionalmente en madrigueiras de coellos e tamén no chan. As postas teñen lugar dende primeiros de abril até finais de maio, e van de 2 a 7 ovos, normalmente catro-cinco, de 35 por 29 milímetros e de cor branco.
A incubación, de 28 días, é levada a cabo pola femia. Os polos ó nacer están cubertos dun plumón branco e voan ós 26-28 días de idade.

Atópase distribuído por toda a península, accidental en Baleares e Canarias.


Este exemplar de moucho común foi retratado nunha solta á cal tiven a oportunidade de asistir.