martes, 2 de febrero de 2021

CABRA MONTESA (Capra pyrenaica)

 A cabra montesa (Capra pyrenaica) é unha especie da familia dos Bóvidos e endémica da península ibérica. Sendo un ungulado tan amigo das zonas escarpadas das serras ibéricas e do monte mediterráneo, cabe lugar unha leve pasada polas súas principais características dentro deste pequeno blog.

Macho montés sorprendido bebendo en verán na Serra de Gredos.

Cabe destacar da cabra montesa o seu forte dimorfismo sexual, mais certo é que son varias características que comparten entre ambos sexos, tales como unha pelaxe gris no inverno e marrón canela no verán e manchas negras nos flancos e nas patas. O macho presenta unha fermosa cornamenta en forma de lira, que pode chegar a medir 75 centímetros ou máis, alén de unha crín e barba características. As dimensións da cornamenta das femias é moito menor, semellante ó ocorrido no tamaño, xa que tamén son maiores os machos tendo un peso medio de 58 kg e as femias 36 kg.

En canto ao seu comportamento, é un animal activo día e noite, con carácter gregario. Consumen sobre todo herbáceas na época favorable, mobilizándose en busca de pastos segundo a época do ano, nas cotas superiores na época favorable e buscando en cotas baixas e as partes máis sollías cando escasea o alimento, chegando a aproveitar as ramas de algunhas especies lignificadas como o cimbro. As loitas entre os machos adultos teñen lugar na época de celo, entre os meses de novembro e decembro.

No referido ó seu hábitat,  como ben se dixo antes, é relativamente doado atopalo nas zonas escarpadas das serras, movéndose pola ladeira de arriba a abaixo segundo a dispoñibilidade de alimento nun rango de cotas entre os 500 e os 2500 metros de altitude sobre o nivel do mar. Tamén habita zonas máis vexetadas como masas arbóreas de piñeiros, aciñeiras ou reboleiras, e tamén zonas con cobertura vexetal dominada por piorno, cimbro, queirogas e uces, así como no monte mediterráneo.

Femia de cabra montesa a 2000 de altitude na Serra de Gredos no verán.

A súa distribución atópase máis concentrada ao longo do levante, baixando desde Els Ports (Tortosa-Beceite) até a Serra das Neves e montes de Cádiz, mais tamén hai unha notable presenza na serra de Gredos. Nalgunhas cordilleiras como os Picos de Europa e na montaña de Riaño (León), así como no Guadarrama, Montserrat e os Pirineos Orientais, entre outros, foron introducidos algúns exemplares para intentar repoboar aqueles territorios habitados pola especie con anterioridade.

Atópanse recoñecidas catro subespecies, dúas delas extintas (C. p. pyrenaica e C. p. lusitanica) e dúas presentes na actualidade (C. p. victoriae e C. p. hispanica). As introducións realizadas na cordilleira cantábrica e o macizo Galaico-Duriense foron coa subespecie C. p. victoriae.

Actualmente o seu estado de conservación atópase como case ameazado, con problemas pouco severos de conservación. Algunhas das máis fortes ameazas son a sarna, que consigue reducir notablemente as poboacións existentes.

Os exemplares aquí expostos foron retratados por min na Serra de Gredos, no ascenso ao Circo de Gredos. Logo do comentario na anterior entrada sobre o seu avistamento, o prometido é débeda! Agardo que vos gustase!

Enlace da entrada anterior: https://falcon-arieira-falcon.blogspot.com/2019/10/aguia-cobreira-circaetus-gallicus.html

Bibliografía empregada:

Purroy, F. J., & Varela, J. M. (2016). Mamiferos de españa. Lynx. 

miércoles, 9 de octubre de 2019

AGUIA COBREIRA (Circaetus gallicus)


A aguia cobreira (Circaetus gallicus), aguia alhela ou “águila culebrera” en castelán, é unha das aves de rapiña máis interesantes e pouco coñecidas da península ibérica. Por este motivo, aproveito as fotografías que lle puiden facer na miña viaxe á Serra de Gredos para facer difusión do seu nome e pequenos aspectos da súa bioloxía.



É unha ave da orde Falconiforme e da familia Accipitridae cun tamaño relativamente grande, de cor escura polo dorso e cores claras pola cara ventral. As súas poderosas ás son longas e anchas e coas plumas caudais relativamente longas. Ao voo pódense ver as plumas secundarias barradas e a cola con varias bandas, sendo a terminal a máis grosa. O exemplar adulto ten o dorso de cor pardo grisáceo coa cabeza e os ollos moi grandes. Os ollos son de cor amarela alaranxada, que destacan na súa cabeza de cor parda e con unha cera azulada. As patas longas, de gris esbrancuxado a azul pálido, teñen uns dedos curtos e revestidos de grosas escamas que os protexen das picaduras dos ofidios.

A súa lonxitude aproximada oscila entre os 62 e os 67 centímetros. A súa envergadura vai dende os 185 até os 195 centímetros e o seu peso anda entre os 1200 gramos e 2300 gramos.

O seu hábitat sitúase en serras, zonas chas arboradas, marismas e ás veces dunas costeiras debido á abundante cantidade de alimento. É unha especie migratoria, xa que reside na península só de marzo até outubro.

A súa alimentación, como ben di o seu propio nome, é case exclusivamente a base de réptiles, sendo principalmente os ofidios. De todos xeitos, non é inmune á picadura das víboras, co cal rara é a vez que esta vai a tentar cazalas. Cando atrapa a presa, mátaa co seu forte pico rompéndolle a cabeza, e despois trágaa comezando pola mesma.

A súa distribución esténdese por toda a Península Ibérica, exceptuando parte do recuncho noroeste. Non é rara en toda a península, aínda que a súa densidade varía segundo as diferentes comarcas.  A poboación española segundo a SEO atópase arredor das 2000-3000 parellas reprodutoras. Unha das principais ameazas da especie é a redución das poboacións de réptiles en zonas agrícolas.



Este exemplar, como ben dixen antes, foi retratado por min na miña viaxe á Serra de Gredos, en concreto no camiño a pé que vai dende a Plataforma de Gredos ata o marabilloso Circo de Gredos, ó pé do Pico Almanzor. Recuncho en plena natureza que se atopa cheo de riqueza biolóxica. Na mesma viaxe puiden observar un macho montés do cal xa vos falarei posiblemente nas próximas entradas!

Bibliografía empregada:

"Guía de las rapaces ibéricas", Cosme Morillo, Madrid 1984, Editor: Instituto Nacional para la Conservación de la Naturaleza (ICONA).


miércoles, 8 de agosto de 2018

PEGA MARZA (Garrulus glandarius)


A pega marza ou “arrendajo” en castelán (Garrulus glandarius) é un ave da orde dos paseriformes pertencente á familia Corvidae. Se saímos do entorno puramente urbano e nos situamos no rural, preto dos montes galegos e de boa parte de Europa podemos atopar unha especie eminentemente forestal, a pega marza.


A pesar de ser un córvido, como a pega rabilonga ou o corvo viaraz,  non presenta a ton característica destes, senón que o seu corpo está inmerso nunha densa plumaxe de cor ocre moi vistosa. Pode acadar unha lonxitude á madurez duns 33-35 cm e unha envergadura de ata uns 53-58 cm. Chama a atención a cor das coberteras alares, posto que están provistas dun ton azul eléctrico mesturado con pequenas ringleiras negras. Un groso bigote parte da comisura do peteiro.  Obispillo de cor branco.

Vive fundamentalmente en masas forestais sen decantarse polo tipo de arborado dominante, pero si prefire zonas con presenza de claros e marxes de zonas boscosas. Residente na península todo o ano exceptuando algúns casos de migración de corta distancia no caso de deficiencia alimenticia na época desfavorable. Unha alimentación baseada en insectos, animais de pequeno tamaño, sementes e froitos. Importante papel ecolóxico que teñen estas aves, especialmente polo soterramento de landras  e outros  froitos no outono, para alimentarse no inverno e na primavera, que a veces se lle esquece o lugar onde foron agochadas e axudan así a especies do xénero Quercus a expandirse no territorio de xeito natural. Un reclamo ronco e áspero que semella un “kraaac” en situacións de alarma. Gran imitador de diferentes sons que nos levan a dubidar sobre a presenza doutros animais, dos que cabe destacar a imitación do miñato común, do cal falei con anterioridade noutra entrada. O período de cría vai de marzo a agosto, poñendo de 4 a 6 ovos de cor verdosa olivácea con manchas castaño escuro. Polos altriciais.


Debido á súa dependencia do medio forestal, supoñen unha ameaza para a especie a deforestación e os incendios forestais. 

Este exemplar de Garrulus glandarius foi fotografado nas marxes dunha masa forestal  mixta de Pinus pinaster, Quercus robur e Castanea sativa mentres perfeccionaba o peinado das plumas.

A continuación deixo o enlace da entrada do Miñato común por se queredes saber máis acerca del:
https://falcon-arieira-falcon.blogspot.com/2017/03/minato-comun-buteo-buteo.html

jueves, 26 de julio de 2018

PETO REAL (Picus viridis)


O peto real ou peto verdeal (Picus viridis) é un ave da familia Picidae moi común na contorna galega cuxa identificación é case inconfundible debido ás fermosas cores que o empluman.



Son aves que poden achegarse ós 32 cm xunto cunha envergadura que anda preto dos 40 cm. A súa cor verdosa dominante dende a rabadilla até a noca remata nun píleo encarnado moi chamativo. O macho tamén presenta uns bigotes encarnados baixo o pico que os diferencian da femia cuxo bigote é negro. Ambos sexos posúen un ton negruzco arredor dos ollos. Pola cara ventral o verde aclaréase até o verde esbrancuxado. Ó voo podemos apreciar tamén un obispillo verde amarelento. Destacar tamén as súas fortes ás rectrices, que grazas ó endurecemento que sufriu o raquis das plumas apórtalles un mellor apoio á hora de pousarse nos pinos. Para esta función tamén modificaron as súas extremidades posteriores posto que retrasaron un dos dedos para axuntalos coa chave e poder acadar unha mellor fixación ás árbores nas cales atopan o seu alimento baixo o ritidoma.

Detalle das plumas rectrices.

Observación da modificación dactilar.

O período de cría establécese de abril a agosto. Poñendo de 5 a 8 ovos brancos e sacando xeralmente un só polo adiante.

Furados un castiñeiro da Serra do Courel.

A súa vida desenrólase no campo e en bosques ben iluminados, chegando tamén a zonas suburbanas. Son característicos os furadiños que esta ave fai na madeira, aínda que esta especie non é das máis traballadoras nas árbores, xa que pasa a maior parte do tempo no chan onde se alimenta de formigas, fai furados e levanta pedras e musgos. Uns reclamos moi similares a unhas gargalladas nun ton bastante agudo son comúns en todo territorio no cal esta especie sexa residente. Tamén o petar na madeira se deixa soar nos vales cando o peto real anda na busca do xantar.


As fotografías que aquí se mostran foron sacadas por min nunha das miñas saídas ó campo, na cal tiven o pracer de poder observar este macho de peto real pousado nun pino. As imaxes de petos disecados foron sacadas tamén por min no laboratorio de prácticas de zooloxía. Os furados fotografiados localízanse na Serra do Courel en castiñeiros.



domingo, 5 de marzo de 2017

MIÑATO COMÚN (Buteo buteo)

O miñato común (Buteo buteo), en castelán “ratonero común”, é unha ave de rapiña moi común en Galicia e tamén no territorio peninsular. Xa que moitos coñeceredes ó miñato común, vou a intentar ampliar o rango de coñecemento e polo tanto, entrar máis en detalle con esta ave.
Algunhas das características que nos permiten identificalo ó voo son o seu pescozo curto, ás anchas e cola redondeada con moitas bandas finas e unha subterminal ancha. O voo batido é relativamente lento e o voo de remonte soe describir círculos nos cales de vez en cando dan unha batida que lles fai ascender. En perfil frontal aprécianse as ás en uve moi aberta. Son características as manchas claras na cara inferior das ás.
Este macho de miñato común foi fotografado por min nunha das miñas saídas ó monte de Brión. Despois dunha mañá de camiñata na búsqueda do miñato, xa case sen esperanza de volta á casa, sorprendeume este exemplar. Pousado nun hórreo que facía de atalaia tiña controlados os campos nos cales podía atopar o xantar do día.
Se temos a sorte de poder velo pousado nunha árbore ou nalgún poste e que este nos deixe achegarnos e velo con detalle, poderemos ver que as partes superiores son de cor pardo escuro, normalmente con estrías claras na cabeza mentres que as partes inferiores presentan unha gran viabilidade, dende moi escuro a moi claro. O peito soe ser branco con numerosas estrías de cor pardo escuro con barras transversais finas e claras. As rémixes primarias pardas coa punta negra e a base clara, que  forma unha mancha branca na cara inferior das ás; as secundarias, pardas borreadas de branco e pardo. A cola é curta, ancha e de extremo redondeado, con numerosas bandas transversais escuras, finas e unha subterminal máis ancha. Cera e patas amarelas; ollo de pardo a pardo amarelento; pico escuro coa base clara.

Os exemplares xóvenes son semellantes ós adultos, pero adoitan ter a cabeza máis clara, dorso e cobertores goteadas de claro e as partes inferiores máis claras con estrías escuras.  Na cola carecen  de banda subterminal ancha. Teñen os ollos grises, cera verdosa e patas amarelas.
A súa lonxitude oscila entre os 51 e os 57 cm., a súa envergadura vai dende os 113 e os 128 cm. e o peso entre os 520 e os 1350 g.

Entre os seus hábitats predominan os montes con claros, as devesas e os soutos fluviais. No inverno decántase máis por espazos abertos que teñan algunha árbore onde pousarse. Na Península Ibérica é sedentario, ó contrario que no resto de Europa.

A súa técnica de caza por excelencia é o asexo dende unha pola no borde dun bosque, dunha árbore desolada, dende un poste ou dende un hórreo como é o caso desta fotografía que vos adxunto.


Bibliografía empregada:
"Guía de las rapaces ibéricas", Cosme Morillo, Madrid 1984, Editor: Instituto Nacional para la Conservación de la Naturaleza (ICONA).

lunes, 10 de octubre de 2016

GAMO (Dama dama)

O gamo común, ou europeo, é un dos cérvidos que habitan a península ibérica, decantándose no territorio polos bosques que conteñen claros, xa que é nos pastos onde atopa o seu alimento, o cal compaxina con follas e cortizas das árbores ás cales teñen alcance.


O gamo diversifícase principalmente do cervo común no seu menor tamaño, e do resto dos cérvidos en que non forma mandas, senón que forma un grupo familiar de menos de 10 integrantes regularmente formado por femias e subadultos, reuníndose cos machos na época de celo.

O celo abrangue os meses de outono e dá lugar ós enfrontamentos entre os machos co fin de aparearse coa femia. Despois do período de xestación, as femias dan a luz a unha soa cría de forma xeral, nos meses de xuño e xullo.

A pelaxe varía do verán ó inverno, collendo nesta segunda estación unha cor cincenta. Son características na pelaxe as pintas brancas salteadas nun fondo pardo-avermellado, aínda que tamén existen exemplares albinos como os da fotografía que vos amoso.


Esta especie presenta un dimorfismo sexual moi forte, podendo alcanzar as femias un máximo de 40 kilos de peso, e os machos poden superalas até 20 kilos. Só os machos posúen hastas, que mudan na primavera, e están formadas por tres candís e unha ampla palma.

Na península ibérica o gamo é unha especie cinexética, polo cal podemos atopar a esta especie en semiliberdade nos cotos de caza. Grazas a ser declarada especie cinexética, esta especie ten garante a súa subsistencia nos nosos montes debido ás repoboacións que se levan a cabo.

Na produtiva viaxe a Navarra, onde tamén retratamos miña irmá e eu ós xabarís e ós corzos, a natureza obsequiounos con estes gamos.

lunes, 3 de octubre de 2016

XABARIL (Sus scrofa)

Xa sei que non é a primeira vez que nomeo ó xabaril, pero a súa importancia nos nosos montes non é para menos. 


Xa falei deles en dous artigos anteriores (dos cales vos deixo os enlaces ó remate da entrada), pero neste artigo quero centrar a ollada nos raións ou leitóns, as pequenas crías de xabaril que saen do ventre materno despois de 4 ou 5 meses de xestación, e que tanto un nome coma o outro nos aportan unha valiosa información. Un deles de carácter clasificatorio, dicíndonos a clase á que pertencen (Mammalia), xa que son mamíferos e maman da nai durante os primeiros 3 meses e de onde provén o nome de leitóns. Analogamente tamén reciben o nome de raións, o cal nos axuda a identificalos, debido ás características raias lonxitudinais que posúen ó longo do corpo nos seus primeiros meses de vida nos cales non deixan de xogar uns cos outros (como se pode observar na primeira imaxe) e non se separan da nai (na segunda imaxe).


As fotografías foron tomadas pola miña irmá Antía e por min nas terras de Navarra. Para máis información invítovos a ler dúas das miñas antigas entradas neste blog,  ás cales se poden acceder mediante os seguintes enlaces:

-Neste primeiro podedes consultar aspectos técnicos sobre o xabaril.


-Nestoutro podedes observar algunhas das pegadas que puiden retratar deste suído na natureza:


miércoles, 28 de septiembre de 2016

CORZO (Capreolus capreolus)

O corzo é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia Cervidae. É o cérvido de menor tamaño da península ibérica. Ten un comportamento esquivo e con certos aires misteriosos, que fan que sexa unha peza chamativa para os cazadores desta especie cinexética. De este comportamento deriva o nome que vulgarmente se lle dá como “o trasno do bosque”.


Ten como característica unha forte adaptabilidade a diversos hábitats, podendo sobrevivir tanto en montes cunha vexetación espesa como en campos a ceo aberto. É dos poucos cérvidos que poden vivir de maneira solitaria, aínda que tamén recorren a ser gregarios para reducir o risco de ser sorprendidos por depredadores, sobre todo en inverno. O corzo ten unha altura na cruz duns 75 centímetros como máximo e un peso medio de 25 kilos.  Os machos presentan pequenas cornamentas de tres puntas que mudan cada ano a principios de inverno. 

O pelaxe é pardo-roxizo durante o verán, e grisáceo en inverno. Os sons que emiten son semellantes a pequenos ladridos. Os seus hábitos son crepusculares, evitan o sol de día agochándose na espesura lonxe de lugares habitados.
En canto á súa reprodución cabe destacar que é dos poucos ungulados con implantación diferida. De maneira xeral, o parto sole vir no mes de maio.


O maior problema do corzo en Galicia e en zonas limítrofes é a presenza dunha enfermidade, en concreto da larva de Cephenemyia stumulator, un insecto voador da familia dos tabáns, que nas súas diferentes fases de desenrolo aséntanse na farinxe e nas fosas nasais. Sendo esta enfermidade unha parasitose denominada Miase. Pénsase que a orixe da expansión desta enfermidade se deba á introdución irregular de corzos vivos na península.


Os exemplares mostrados foron fotografiados pola miña irmá Antía na nosa viaxe a Navarra, e correspóndense con dous corzos (o primeiro un exemplar xoven e o segundo unha femia adulta) criados en cautividade.

sábado, 6 de agosto de 2016

MOUCHO COMÚN (Athene noctua)

O moucho común, ou mochuelo en castelán, é unha ave de rapiña nocturna ibérica que tamén é coñecida polos seus hábitos parcialmente diúrnos, sendo bastante frecuente atopala polo día pousada nunha pola ou nalgunha rocha. O seu son é un "quiuu" moito menos afrautado que o moucho das orellas (otus scops), ou autillo en castelán.

Cabeza e dorso pardo escuro salpicado de branco. Partes inferiores clara estriadas de escuro e ollos amarelos claros son algunhas das características que definen ó noso moucho común.

A súa lonxitude vai dende os 21 até os 27 cm. e a súa envergadura dende os 57 ós 61cm. O peso oscila entre os 125 e os 200 g.

O seu hábitat caracterízase pola súa gran diversidade de terreos, pero evita o monte denso e o interior das cidades. É moi frecuente en zonas de cultivo con algún arborado. É sedentario, aínda que ás vegadas os xóvenes dispérsanse grandes distancias.

O moucho común caza á espreita, deixándose caer sobre a súa presa dende un pousadoiro. Tamén caza insectos en voo.

Cría en buracos de árbores, de muros e de edificios, ocasionalmente en madrigueiras de coellos e tamén no chan. As postas teñen lugar dende primeiros de abril até finais de maio, e van de 2 a 7 ovos, normalmente catro-cinco, de 35 por 29 milímetros e de cor branco.
A incubación, de 28 días, é levada a cabo pola femia. Os polos ó nacer están cubertos dun plumón branco e voan ós 26-28 días de idade.

Atópase distribuído por toda a península, accidental en Baleares e Canarias.


Este exemplar de moucho común foi retratado nunha solta á cal tiven a oportunidade de asistir.

domingo, 27 de mayo de 2012

O cardeal

cardeal (Pyrrhula pyrrhula) é un pequeno paxaro da familia dos frinxilidos. É un pequeno paxaro, duns 10 centímetros de longo, cun gran dimorfismo sexual: o macho ten a cabeza negra, o lombo gris intenso e un rechamante peito dun vermello intenso. Porén, a femia ten o peito algo claro, cun lombo e unha cabeza grises. Tanto o macho como a femia teñen unha fita branca nas ás.











 Esta é a femia, que se ocultaba coas herbas. O macho atopábase perto dela pero cando o vin e o quixen retratar escapou. Atopeinos cerca de onde estaba a bubela da que falei anteriormente.

O merlo

merlo é a designación común da especie Turdus merula de aves passeriformes pertencentes á familia Turdidae.
Os merlos presentan forte dimorfismo sexual, sendo o macho negro, con peteiro brillante amarelo-alaranxado e un círculo arredor dos ollos. A femia e os poliños teñen dorso negro, ventre pardo-escuro, e a gorxa e a parte superior do peito pardo. Os poliños teñen o ventre punteado. Esta ave europea paseriforme é omnívora e mide aproximadamente entre 23 e 29 cm.

Macho fotografado nunha aldea no concello de Brión.



Este macho fotografieimo nun dos xardíns á beira do embalse do Tambre.

A bubela

bubela (Upupa epops), único representante da familia Upupidae, é unha ave co corpo do tamaño aproximado ó dun merlo. O seu bico longo e fino, a crista na cabeza e unha coloración característica fan dela unha ave de aspecto inconfundible. Miden de media 28 cm entre a punta do bico, longo e curvo, e a da cola. As alas teñen un debuxo característico de bandas brancas e negras. A crista da cabeza, que poden abrir pero adoitan levar recollida, mide uns 6 cm e está formada por plumas coas puntas brancas e negras. A cola é negra, cunha banda branca ancha no último terzo, e un debuxo branco na raíz. O resto do corpo é ocre rosado ferruxento.







Estaba eu paseando por un camiño co meu pai cando topamos a esta fermosa bubela. Grazas a que estaba comendo deixouse fotografiar.

domingo, 22 de abril de 2012

A rá común

rá común (Pelophylax perezi) é un anfibio anuro da familia Ranidae. É orixinaria da Península Ibérica.Ten 4 dedos nas extremidades anteriores e 5 nas posteriores, que están unidos por membranas interdixitales moi desenroladas.




No embalse do Tambre puiden atopar nunha pequena charca varios anuros. Entre os cales retratei a esta rá común.

jueves, 29 de marzo de 2012

O pardal común

O pardal común (Passer domesticus) é unha especie de ave paseriforme da familia dos pardais. Ainda que é orixinario de Eurasia e do Norte de África, atópase distribuido por todo o mundo. O pardal común pesa arredor dos 30 g e mide de 14 a 16 cm de longitude total (o macho sole ser algo máis grande que a femia). É de conformación robusta e ten as patas cortas. O seu peteiro é groso, forte e cónico. A plumaxe do lomo é pardo, con manchas negras e encarnadas.






Estes exemplares de pardal común atopeinos nunha aldea do concello de Valga.







                              
  

Pegadas do xabarín

 Nun   percorrido polas ribeiras do río Ulla co meu avó atopei varias pegadas do xabarín, mesmo provocando danos nas árbores.



    Pseudotsuga empregada para afiar os canteiros  superiores do xabarín.




    Pegada dun xabarín 





    Bañadoiro do xabarín.




Polo río Sar

Andando pola beira do río Sar puiden atopar unha garza real e unha parexa de anátides.



    Garza Real (Ardea Cinerea)



    Parexa de anátidas (O da esquerda é o macho e a da dereita a femia)


miércoles, 28 de marzo de 2012

A rula portuguesa

A rula portuguesa (Streptopelia decaocto) é unha especie de ave columbiforme da famila Columbidae natural de Asia pero que foi avanzando por toda Europa, chegando á península Ibérica no ano 1960. Mide entre 28 e 33 cm, ten unha plumaxe sen manchas, os adultos son dun gris claro.




Estes exemplares atopeinos nunha aldea perto do río Ulla, onde esta especie se atopa en abundancia por toda-las aldeas do arredor.





martes, 31 de enero de 2012

O corvo mariño

No meu paso polo río Ulla, en concreto nunha das praias fluviais deste, atopeime con varios corvos mariños reais planeando por enriba da auga, río arriba. O corvo mariño real (Phalacrocorax carbo) é unha especie de ave suliforme da familia Phalacrocoracidae que habita tanto en zonas costeiras como augas dulces do interior tales coma ríos, lagos, esteirosAniña en grande parte das costas do Océano Atlántico, sobre todo en Europa e Norteamérica

En Galicia hai dous tipos de corvos mariños: Corvo mariño real e Corvo mariño moñudo (este segundo está protexido en Galicia). A maior colonia a nivel mundial do corvo mariño moñudo está nas illas Cíes.




Estaba eu sentado nun cruceiro que había na beira do río Ulla cando empezaron a pasar varios corvos mariños. Debido a que estaban en pleno vo, e era difícil collelos en movemento, só puiden aproveitar estas dúas fotos.



lunes, 16 de enero de 2012

As cabras mallorquinas

A esta parexa de cabras maiorquinas fotografieinas eu tamén na miña viaxe a Palma de Mallorca. Estaban estarricadas á sombra no cabo Formentor. Esta é unha especie que se denomina doméstica ainda que esta parexa vivía en liberdade.
cabra mallorquina (Capra aegagrus hircus) é un animal de complexión forte, de temperamento nervioso, sempre con cornos. Ten a capa castaño / encarnado con marcas complementarias de cor negro, situadas en rexions específicas do seu corpo, que a distinguen claramente das outras razas que se explotan en Mallorca.





Este é o habitat das cabras mallorquinas. Solen vivir perto dos acantilados e en zonas rochosas. Se ampliamos a imaxe poderemos apreciar tres cabras, entre elas unha nai e dúas crías, que se atopaban brincando no acantilado do cabo Formentor (Palma de Mallorca). Dende o miradoiro podíase apreciar os berros da nai e das crías, unhas chamando polas outras.


Foto ampliada.





Os puntos destacados son tres cabras.  Aínda que non o pareza é a mesma fotografía que a de arriba pero ampliada e modificada. Xa que a cámara non tiña máis zoom tiven que destacalo dalgún xeito..

A garza real

NOME COMÚN:            Garza Real
NOME CIENTÍFICO: Ardea Cinerea
CLASE:                                  Aves
FAMILIA:                               Ardeidae




DESCRICIÓN:
Ave pelecaniforme. Ten unha media de 91 cm de altura cando está parada. Sobre 1,6 kg de peso. Presenta unha envergadura entre 1,65 m. a 2 m. A súa plumaxe é maiormente gris arriba, e algo branco debaixo. Os adultos teñen a cabeza branca cun copete negro superciliar e unha crista delgada, nos xuvenís toda a cabeza é gris. Teñen un pico forte rosa-amarillento, brillante cando adultos. O seu voo é moi característico xa que é moi lento e o seu pescozo forma unha ese, ademais leva as pernas estarricadas. Pode confundirse coa cegoña, pero esta ten en voo as ás brancas e negras e van rectas,  mentres que a garza son grises e as ás van arqueadas formando unha ponte.

ALIMENTACIÓN:
Peixes, réptiles, anfibios e insectos son a súa alimentación máis básica. Cando caza está inmóbil totalmente, o peixe non detecta as patas da garza e o seu pico atravesa o peixe que seguidamente o traga sempre da cabeza á cola.

REPRODUCIÓN:
Reproducción sexual. Son ovíparas. Cría entre marzo e maio, pon de 3 a 5 ovos e veñen ó mundo os pequenos ó cabo de 25-28 días. Os polos da garza son moi agresivos e deféndense moi ben. Os niños fainos en árbores pero ás veces, ocúltaos entre as canas e carrizos da beira do río. A nai pesca e,  ó chegar ó niño fai unha regurxitación que os poliños provocan cando introducen os seus picos no pico da nai. Cando xa é grande o polo incluso chega a sacar a comida do boche da nai.

HÁBITAT:
Habita nas lagoas,  encoros, ríos e regatos. Esta especie está estendida por Europa, Asia tépeda e incluso en partes do Norte africano.

DISTRIBUCIÓN:
En Galicia en concreto é moi abondosa en ríos e regatos coma en lagoas. Tamén se expande polo norte de Portugal, Montes Cantábricos e nas vertentes dos Pirineos.

INTERESE HUMANO:
Hai moito interese polo ser humano. Xa se empezan a ver no alto das montañas, o que quere dicir que xa non hai moito alimento na terra cha e teñen que ir buscalo alimento a outro sitios. Ademais a especulación e o momento en que vivimos fan que os humedais, lagoas, etc. vaian desaparecendo.

ESTADO DE CONSERVACIÓN:
Especie non catalogada.